O Mercado de Nadal de Carreira do Conde abrirá o vindeiro venres 4 de decembro ás 17:00 horas

O Mercado de Nadal de Carreira do Conde abrirá o vindeiro venres 4 de decembro ás 17:00 horas

Permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas; estará pechado os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro; e só abrirá pola mañá o día 31 de decembro. Como novidade, nas últimas dúas quendas este ano o Mercado esténdese tamén a Área Central, polo que a opción será dobre entre os días 26 de decembro e 5 de xaneiro.

Durante as cinco quendas, composteláns/ás e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 70 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño…). A rúa e as casetas contarán cunha decoración coidada e ambientación musical, que transportarán o público á maxia do Nadal.

Como xa aconteceu en 2019, as tres primeiras quendas (venres 4 a mércores 9, xoves 10 a mércores 16 e xoves 17 a mércores 23) estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación selecta, facilitando ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas especiais. Tanto en Carreira do Conde como en Área Central as quendas finais (sábado 26 a mércores 30 e xoves 31 a martes 5) resérvanse para os produtos de artesanía e regalo orixinal, coa data da Noite de Reis como horizonte.

O Mercado desenvolverase baixo estritas medidas de seguridade contra a Covid-19. A organización regulará o acceso do público visitante á rúa da Carreira do Conde e vixiará para que non se produzan aglomeracións. Haberá control de acceso e de aforo nos días de máxima afluencia. O paseo dos peóns pola Carreira do Conde será nun único sentido, accedéndose ao Mercado pola rúa do Xeneral Pardiñas e saíndo por Rapa da Folla. Os expositores están tamén obrigados a impedir que o público manipule os produtos, dispoñer de xel hidroalcólico e hixienizar as superficies de contacto, ademais de manter estritamente as distancias de seguridade. En Área Central respectaranse rigorosamente as normas sobre aforo e distancia social definidas para as dúas semanas nas que se desenvolve alí o Mercado.

Actividades diarias
O Mercado de Nadal leva aparellada unha completa programación musical. As actividades estarán dirixidas á infancia, ás familias e ao público en xeral e desenvolveranse baixo ríxidos criterios de prevención do coronavirus, todas con formato de pasarrúas para evitar aglomeracións. A programación iniciarase o mesmo venres día 4 de decembro pola tarde, xornada da inauguración, cos grupos ou espectáculos Os Tiruleiros, Pulpiño co seu Melocotón, Vamosindo Trío, Cé Orquestra, Tríboli Folk, O Cego na Feira, Trío DeTrés e máis Trío Par.

Comentarios pechados.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies