Navegación por
Categoría: Novas

As novas do Mercado de Nadal de Compostela.

Santiago dá a benvida ao Nadal este venres co acendido das luces e un amplo programa de actividades baixo a marca “Compostela, a estrela do Nadal”

Santiago dá a benvida ao Nadal este venres co acendido das luces e un amplo programa de actividades baixo a marca “Compostela, a estrela do Nadal”

27/11/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, avanzaron esta mañá o programa das Festas de Nadal que este ano se presenta baixo a marca “Compostela, a estrela do Nadal”, inspirada na simbólica estrela de oito puntas de Santiago. Este novo programa aglutina un amplo abano de actividades para todo os públicos e de diferentes barrios e parroquias baixo unha mesma marca co fin de converter estas festas “nas terceiras de entidade da cidade”, tras o Apóstolo e a Ascensión. Goretti Sanmartín salientou que “Compostela, a estrela do Nadal” é unha “proposta ambiciosa” que pretende convertir esta celebración nun “espazo e momento de referencia para a poboación de Compostela e da comarca e mesmo do conxunto do país” con “actividades para todos os públicos” que cheguen aos distintos barrios e parroquias “facendo que sexan o máis descentralizadas posible”. A rexedora expresou o seu desexo de converter esta celebración na “terceira festa de entidade en Santiago de Compostela” contando coa “implicación da xente” e a conexión deste novo enfoque “coa nosa historia e a nosa identidade”.

A marca “Compostela, a estrela do Nadal”, cuxo fío conductor é a estrela de oito puntas da tradición da cidade, nace con vista a ter “continuidade nos próximos anos e que deixe impresa unha marca” tanto na cidadanía como nos visitantes. Esta nova imaxe distribuirase por todo o concello a través de 25.000 programas de peto, carteis, voandeiras, bolsas, mupies e redes sociais. Toda a información complementaria poderase atopar a través dos códigos QR insertos en todos os programas e carteis.

Encendido do alumeado

A alcaldesa avanzou que este vernes, 1 de decembro ás 18:30 horas, darase o pistoletazo de saída á programación de “Compostela, estrela do Nadal” co evento de encendido do alumeado na praza do Obradoiro, seguido dun percorrido por diferentes espazos da cidade con espectáculos lumínicos e musicais para darlle a benvida ao Nadal.

As luces estarán acendidas ata o 7 de xaneiro en horario de 18.00 h a 02.00 h e de 7:00 a 9:00 h, agás dos días 24, 25 e 31 de decembro de 2023 e o 5 de xaneiro de 2024, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18.00 h ata as 9:00h do día seguinte. Ademais, haberá instalacións propias na Porta Faxeira, Mercado de Abastos, Bonaval, Obradoiro, na Alameda e na praza Roxa. “Quixemos facer unha aposta moi potente”, subliñou a rexedora, que explicou que se van “despregar fíos de leds en 128 rúas e prazas e tamén en 23 puntos de referencia do rural”.

Novidades do programa

Unha das novidades do programa deste ano son os “Xardíns das 8 puntas”, espazos destacados en distintios puntos da cidade con photocalls agochados nos que capturar e compartir fotos do “Bico no Visgo”. A rexedora convidou a cidadanía a percorrer estes xardíns que estarán instalados no Obradoiro e nos barrios de San Roque, San Pedro, As Fontiñas, Sar, O Castiñeiriño, Conxo, Santa Marta e Vista Alegre e compartir as fotos nas redes sociais baixo os cancelos #BicoNoVisgo #XardínDasOitoPuntas #CompostelaEstrelaDoNadal.

Outra actividade destacada será “Luces e voces da Alameda compostelá”, un percorrido onde a luz acompaña e viste persoas senlleiras retratadas e vivas nunha ruta coa que poder descubrir quen é quen no paseo central da cidade.

Outra das novidades do programa é a iniciativa “Estrelas e desexos”, unha convocatoria de ‘quedada’ na Alameda o sábado 30 de decembro, para que familias e grupos de amizades decoren conxuntamente a árbore central do Paseo, dando a benvida adiantada ao 2024 e deixando cadaquen a súa estrela, todo acompañado con música, instalacións de luces e cores, e chocolatada, “como non pode ser doutra maneira nesta época do ano”.

Comercio, Xuventude e Centros Socioculturais

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa, María Rozas, reivindicou un Nadal “espallado por todo o munipicio” e “que sexa para vivir, e non só para ver” e fixo un avance das principiais propostas de ocio relacionas co comercio e a xuventude “para desfrute de toda a veciñanza” que estarán centralizadas na praza Roxa e na Alameda, así como a progamación específica da rede de CSC.

María Rozas destacou que se trata de “propostas de ocio para todos os públicos cunha programación pensada nas familias” pero que tamén buscan a “dinamización comercial” da cidade, que “pon o foco no pequeno comercio fronte á competencia das grandes superficies”.

Desde o día 1 de decembro, a praza Roxa contará cunha carpa que acollerá concertos coas bandas dos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga nas noites dos venres e sesións vermú os sábados, actividades máis dirixidas ao público infantil, contacontos, sorteos de agasallos para a clientela do pequeno comercio…

Tamén para a cativada, a Alameda acollerá “Alameda en Xogo”, un espazo que funcionará no período de vacacións escolares, do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, salvo os días festivos, en horario de mañá e tarde, con distintas propostas para crianzas como rocódromo, piscina de bolas de neve, e moitos xogos máis.

Mercado de Nadal

Outra das citas “plenamente consolidadas” é o Mercado de Nadal, que un ano máis chega á rúa Carreira do Conde a partir deste venres 1 de decembro e ao que se sumará a partir do 22 de decembro ata o 5 de xaneiro o de Área Central.

“Haberá un total de 15 casetas, en cinco quendas rotatorias, de xeito que serán 75 os pequenos negocios que participarán desta volta no Mercado de Nadal de Carreira de Conde nos que haberá, como é habitual, un pouco de todo: artesanía, xoiaría, xoguetes, produtos gastronómicos…”, detallou a edila.

A Carreira do Conde tamén acollerá un espazo de xogos vinculado ao Mercado de Nadal, que funcionará desde o 1 de decembro ata o 5 de xaneiro. O espazo de xogos estará aberto os venres pola tarde, os sábados e domingos e os festivos da ponte da Constitución.

María Rozas tamén avanzou a celebración da décimosegunda edición do Mercado da Estrela, “outra cita xa consolidada do Nadal en Compostela”, que terá lugar do venres 15 ao domingo 17 de decembro, así como actuacións itinerantes polas zonas comerciais da cidade ou o concurso de escaparates de Nadal con case 7.000 euros en premios, entre outras actividades.

Rede de CSC

Ademais da programación dos “Matinais de Nadal” no marco dos actividades de conciliación, a tenenta de alcaldesa anunciou a celebración un ano máis do programa “Vive o Nadal”, con propostas tanto para as crianzas como para as persoas adultas. “Teremos obradoiros de cociña, de decoración de Nadal, e volverá un ano máis a proposta do Agasallo Viaxeiro que a rapazada dos diferentes centros se intercambiará ao remate do Nadal; están programados diferentes espectáculos musicais, teatrais e contacontos por toda a rede de centros… teremos tamén as visitas do apalpador e dos paxes reais”, engadiu.

Nos vindeiros días poderá consultarse toda a programación detallada na web http://estreladonadal.santiagodecompostela.gal/

Programa das Festas de Nadal 2023

O Nadal arranca este venres en Compostela con actividades para todos os públicos

O Nadal arranca este venres en Compostela con actividades para todos os públicos

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, deu conta das actividades máis relevantes do Nadal de 2021, no que, cun ollo posto na evolución da pandemia, recupera a festa de Fin de Ano e a Cabalgata de Reis. Aínda nun escenario incerto, “non queremos renunciar a celebrar estas festas porque é precisamente nestes momento cando é necesario facer un esforzo extra por manter aquelas cousas que nos fan felices e que poden contribuir a mellorar o noso estado de ánimo”, indicou o concelleiro, que deu conta dun programa de Nadal que arranca este venres co encendido das luces ás seis da tarde.

Estará compostos por un manto lumínico e arcos decorativos en varios puntos da cidade. A relación das localizacións divídese en catro ámbitos: rúas e prazas do Casco Histórico; rúas e prazas do Ensanche; barrios, entradas da cidade e parroquias de Santiago; edificios municipais e enclaves singulares. Entre estes últimos salientan a praza de Galicia, praza Roxa, Alameda, Xoán Carlos I, As Cancelas, praza do Obradoiro (neste caso incluirá un pesebre), Porta da Pena, Salvador Parga e rotondas de acceso á cidade.

A iluminación estará en funcionamento ata o mércores 6 de xaneiro de 2022 de acordo co seguinte horario de acendido: desde as 18:00 h ata as 2:00 h e de 7:00 a 9:00, agás os días 24, 25 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18:00 h. ata as 9:00 h. Esta iluminación das rúas completarase coa que realiza Turismo de Santiago nos persoaxes senlleiros presentes na Alameda ou en edificios representativos como a fachada de San Domingos de Bonaval, ou a da Casa da Conga.

Mercado de Nadal
Ese mesmo día, o venres 3, arranca o xa tradicional Mercado de Carreira do Conde ás 12.00 h. Durante as cinco quendas, composteláns e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 76 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño…).

As tres primeiras quendas (venres 3 a xoves 9, venres 10 a xoves 16 e máis venres 17 a xoves 23) estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación gourmet selecta, co obxectivo de facilitar ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas.

Nas dúas quendas finais (domingo 26 a xoves 30 e venres 31 a mércores 5), que se celebran en Carreira do Conde e en Área Central, expoñeranse produtos de artesanía e regalo orixinal.

O Mercado contará con decoración coidada e ambientación musical, e desenvolverase baixo as medidas de seguridade contra a Covid-19 precisas. Os expositores contarán con xel hidroalcólico, produtos hixienizantes e todas as medidas de manipulación de elementos precisas para evitar contaxios, e vixiarase a distancia de seguridade nos momentos de maior afluencia.

O Mercado de Nadal leva aparellada unha completa programación musical. As actividades estarán dirixidas á infancia, ás familias e ao público en xeral. A programación iniciarase o domingo 5 de decembro co artista Pulpiño Viascón. O mércores 8 actuarán Os Tiruleiros. O sábado 11 poderá desfrutarse do espectáculo de Cé Orquestra. O sábado seguinte, día 18, animará o Mercado o espectáculo de O Cego na Feira e o domingo 19 o grupo Vamosindo. Fará o propio, o sábado 26, o Trío Par e, finalmente, para o día 30 está programada a actuación de Troula Animación. Todas estas actividades desenvolveranse a partir das 19.00 h.

Autocine
Este Nadal tamén volve o autocine. Do 26 ao 30 de decembro poderemos vivir,un ano máis, a experiencia de gozar no interior do teu auto unha coidada selección de filmes para público familiar e adulto.

A entrada é gratuíta, previa reserva de entradas na web autocine.gal, dende o 21 de decembro de 2021.

Programación autocine Nadal 2021:

Público familiar: Los Croods 2, O Xinete do Dragón, Trolls 2, Padre no hay más que uno 2, Pinocchio.

Público adulto: Cando o mundo acabe, seguireite amando; Doentes; O noso último verán en Escocia; El Camino; e Un amor por descubir.

Mercado da Estrela
De novo, durante a fin de semana do 16 ao 19 de decembro, contaremos con outra cita xa habitual no Nadal compostelán, o Mercado da Estrela, un evento cultural multidisciplinario, que este ano chega ao seu décimo aniversario, no que as persoas creadoras de Galicia exhiben e venden o froito do seu talento para que as súas pezas se convertan en orixinais e innovadores agasallos con selo #talentogalego, mercado que se completa cun atractivo programa de concertos.

Desenvolverase en catro espazos de destacado valor histórico e patrimonial de Santiago de Compostela: Claustro procesional de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada); Hospedaría de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada); praza 8 de marzo; e pista cuberta nos xardíns do Centro Don Bosco.

Apego
O sábado 11, no Auditorio de Galicia, terá lugar unha das citas máis especiais do ano para as familias de Compostela. A xa tradicional Festa do Apego convértese desta volta en Festival, cun elenco de artistas recoñecidos polo público miúdo que conformarán un espectáculo inédito que amosa a riqueza das creacións en lingua galega para as crianzas.

O espectáculo, que é de balde e cunha duración aproximada dunha hora (desde as 17.30 h), requirirá de retirada de entrada na semana previa en compostelacultura.gal para a asistencia presencial, mais tamén poderá seguirse ao vivo nas canles de Youtube do Concello e do Departamento de Lingua Galega ou nalgúns espectáculos mediante inscrición a través do formulario dispoñible na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago delingua.santiagodecompostela.gal

Carrusel
Os pequechos e pequechas da casa tamén poderán desfrutar do Carrusel de cabaliños de 10 metros de diámetro que este ano estará ubicado na praza da Constitución. Estará pechado ao público os días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Ademais…
O Nadal sobre rodas: un precioso autobús inglés de dous pisos de Nadal sobre rodas percorrerá as diferentes rúas e prazas da cidade con divertidos obradoiros de cociña e actuacións musicais de balde para animar as xornadas de compras de Santiago de Compostela.

UNHA RÚA DE CONTO: O QUEBRANOCES EN ALFREDO BRAÑAS!: O Quebranoces aterra en Alfredo Brañas durante estas festas para ambientar e embelecer a rúa e facer soñar aos paseantes a través de entrañables sorpresas relacionadas coa lendaria composición.
Non faltarán o espectacular Belén de San Fiz de Solovio e unha carreira de San Silvestre tamén adaptada ás actuais circunstancias.

Centro socioculturais
Teremos tamén unha morea de obradoiros para todas as idades nos centros socioculturais, espectáculos e proxeccións en familia. Estas datas son especiais para as pequenas comunidades de veciñanza e barrios que forman a cidade e nos CSCs haberá un amplo abano de actividades de balde para facer máis inesquecibles estas festas.

Fin de Ano
Tamén este ano haberá festas de Fin de Ano amenizada pola Orquestra París de Noia, que actuará na praza do Obradoiro a partir das 22.30 horas. Segundo indicou o concelleiro, en función da evolución da pandemia e das instrucións ditadas pola autoridade sanitaria se permitirá un determinado aforo. O que si concretou é que non será preciso reservar.

Reis Magos
Estes Nadal haberá Cabalgata e recepción. Os nenos e nenas de Compostela terán a oportunidade de entregarlle persoalmente aos Reis Magos de Oriente as súas cartas nunha recepción que terá lugar tamén este ano na Igrexa de San Domingos de Bonaval. Este máxico encontro será o propio día 5 de 11.30 h a 13.30 h e de 19.30 h a 22.30 h.

Será preciso retira as entradas entradas.ataquilla.com desde o día 28 de decembro.

Este ano haberá cabalgata, que sairá ás 16.30 h da praza da Mercé de Conxo e percorrerá a avenida de Ferrol, Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, república do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Vilar, praza de Praterías, Fonseca e praza do Obraodiro. Na praza saudarán á Corporación e sairán ao balcón para saudar tamén os nenos e nenas, antes de partir novamente para San Domingos de Bonaval a recibir as cartas dos pequenos da casa.

COMO PARTICIPAR NA CABALGATA?
As nenas e nenos que queiran participar na cabalgata poderán facelo de dúas maneiras: como paxes e como acompañantes do séquito nas carrozas dos reis, a estrela e o carteiro real. Terán que facer a inscrición previa a través dun formulario que se habilitará na plataforma reservas.gal dende o día 1 de decembro ás 10 da mañá ata o día 20 de decembro de 2021.

1.- ACOMPAÑANTES DO SÉQUITO REAL NAS CARROZAS DA ESTRELA E DO CARTEIRO REAL

Os acompañantes do séquito real serán dezanove prazas.

Condicións: Destinado a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, que deberán ir na carroza acompañados por unha persoa adulta. As inscricións faranse xa por grupos. Os grupos non poderán estar formados por máis de 3 persoas e só poderá haber unha persona adulta por grupo.

O sorteo realizarase o día 22 de decembro. Mandarase unha mensaxe a través de correo electrónico a todas as persoas participantes anunciando o resultado do mesmo. Ademais, contactarase individualmente con todas as seleccionadas para dar as debidas indicacións tanto previas como para o propio día da Cabalgata.

2.- SORTEO DE PAXES QUE ACOMPAÑARÁN AOS REIS

Os Paxes dos Reis serán once.

Condicións: Os nenos e nenas aspirantes a Paxes Reais deberán ter idades comprendidas entre os 12 a 16 anos. Para a súa participación será preciso unha autorización asinada polo pai/nai ou titor legal. As inscricións serán individuais.

O sorteo realizarase o día 22 de decembro. Mandarase una mensaxe a través de correo electrónico a todas as persoas participantes anunciando o resultado do mesmo. Ademais, contactarase individualmente con todas as seleccionadas para dar as debidas indicacións tanto previas como para o propio día da Cabalgata.

Nos enlaces a esta nova pode consultarse un resumo do programa de Nadal, que se fará público completo na páxina web municipal nos vindeiros días.

Aberto ata o 9 de novembro o prazo de solicitude de participación nos postos de venda do Mercado de Nadal

Aberto ata o 9 de novembro o prazo de solicitude de participación nos postos de venda do Mercado de Nadal

O Departamento de Comercio abre o prazo para solicitar a participación no Mercado de Nadal, que se celebrará do 3 de decembro ao 5 de xaneiro na rúa da Carreira do Conde e, como novidade deste ano, do 26 de decembro ao 5 de xaneiro tamén en Área Central. A inscrición estará aberta ata as 23.30 horas do día 9 de novembro.

Como novidades este ano salientan a nova ubicación en Área Central, que se incorpora á de Carreira do Conde a partir do 26 de decembro, así como a prioridade absoluta para os produtos de alimentación e decoración propios do Nadal nas tres primeiras quendas (do 3 ao 23 de decembro).

O Mercado de Nadal contará con 30 postos de venda: 15 postos estarán instalados en casetas montadas especificamente para esta finalidade na rúa Carreira do Conde; a maiores habilitaranse 15 postos de venda en Área Central con mesas e mobiliario no interior.

O Mercado cambiará de expositores en cinco quendas:

Quenda 1: xoves 3 a mércores 9 de decembro (7 días ) – rúa da Carreira do Conde
Quenda 2: xoves 10 a mércores 16 de decembro (7 días) – rúa da Carreira do Conde
Quenda 3: xoves 17 a mércores 23 de decembro (7 días) – rúa da Carreira do Conde
Quenda 4: sábado 26 a mércores 30 de decembro (5 días) – rúa da Carreira do Conde e Área Central
Quenda 5: soves 31 de decembro a martes 5 de xaneiro (5 días) – rúa da Carreira do Conde e Área Central.

Estará aberto de 12:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:30 h, agás o día 31, con apertura só de mañá. Estará pechado os días 24 e 25 de decembro e o 1 de xaneiro.

A convocatoria está dirixida a artesáns, produtores e comerciantes con capacidade para exhibir e vender produtos, creacións ou elaboracións de Nadal.

Para tomar parte no mercado é requisito indispensable cumprimentar a solicitude de participación en liña antes das 23.30 horas do día 9 de novembro de 2020. Ademais, os/as solicitantes deberán remitir á organización fotografías representativas dos seus produtos e a proposta de decoración de Nadal do seu posto. Na proposta indicarase tipo de decoración e materiais a utilizar.

As fotografías e propostas de decoración remitiranse a mercadonadal@versalscq.com. A solicitude de participación non será válida se non se cumpre esta premisa.

Complementariamente, e fóra do cómputo dos 30 postos de venda sinalados, seleccionaranse tamén expositores para postos de alimentación e bebidas.

Os/as interesados/as poden solicitar información complementaria a través da direccións electrónicas comercio@santiagodecompostela.gal ou mercadonadal@versalscq.com.

O Mercado de Nadal de Carreira do Conde abrirá o xoves 5 de decembro ás 12:00 horas

O Mercado de Nadal de Carreira do Conde abrirá o xoves 5 de decembro ás 12:00 horas

O Mercado de Nadal abrirase o vindeiro xoves, 5 de decembro, ás 12:00 horas, na rúa da Carreira do Conde. Permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas. O Mercado estará pechado os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro; e só abrirá pola mañá o día 31 de decembro.

Durante as cinco quendas, composteláns/ás e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 56 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño…). Para favorecer que o Mercado se converta nun espazo de ocio para a familia, esta oferta compleméntase cunha selección de food trucks de comida galega e internacional. A rúa e as casetas contarán cunha decoración coidada e ambientación musical, que transportarán o público á maxia do Nadal.

Como novidade nesta edición, as tres primeiras quendas (xoves 5 a martes 10, mércores 11 a martes 17 e mércores 18 a luns 23) estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación selecta, facilitando ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas especiais. As quendas finais (xoves 26 a luns 30 e martes 31 a domingo 5 de xaneiro) resérvanse para os produtos de artesanía e regalo orixinal, coa data da Noite de Reis como horizonte.

Actividades diarias
O Mercado de Nadal leva aparellada unha completa programación, ao inicio nas fins de semana e despois practicamente a diario. As actividades estarán dirixidas á infancia, ás familias e ao público en xeral. Haberá obradoiros de manualidades, xogos e contacontos nun espazo especialmente disposto ao efecto.

Durante os días de maior afluencia realizarase a actividade NadalCiclo, na que unha bicicleta decorada e conducida por actores caracterizados para o momento transportará a nenos e nenas pola Carreira do Conde coñecendo o Mercado. Ademais, a rúa acollerá actuacións musicais do grupo UCT Ultreia e dos coros Centro Xove, Brincadeira, Hermano Gómez, Ponte Mantible, Santa Susana, Coto da Nai, Agarimos, Colexiata de Sar, LaSalle, A Xuntanza, Xúbilo e Amigos de Compostela.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies