O Nadal arranca este venres en Compostela con actividades para todos os públicos
O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, deu conta das actividades máis relevantes do Nadal de 2021, no que, cun ollo posto na evolución da pandemia, recupera a festa de Fin de Ano e a Cabalgata de Reis. Aínda nun escenario incerto, “non queremos renunciar a celebrar estas festas porque é precisamente nestes momento cando é necesario facer un esforzo extra por manter aquelas cousas que nos fan felices e que poden contribuir a mellorar o noso estado de ánimo”, indicou o concelleiro, que deu conta dun programa de Nadal que arranca este venres co encendido das luces ás seis da tarde.
Estará compostos por un manto lumínico e arcos decorativos en varios puntos da cidade. A relación das localizacións divídese en catro ámbitos: rúas e prazas do Casco Histórico; rúas e prazas do Ensanche; barrios, entradas da cidade e parroquias de Santiago; edificios municipais e enclaves singulares. Entre estes últimos salientan a praza de Galicia, praza Roxa, Alameda, Xoán Carlos I, As Cancelas, praza do Obradoiro (neste caso incluirá un pesebre), Porta da Pena, Salvador Parga e rotondas de acceso á cidade.
A iluminación estará en funcionamento ata o mércores 6 de xaneiro de 2022 de acordo co seguinte horario de acendido: desde as 18:00 h ata as 2:00 h e de 7:00 a 9:00, agás os días 24, 25 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18:00 h. ata as 9:00 h. Esta iluminación das rúas completarase coa que realiza Turismo de Santiago nos persoaxes senlleiros presentes na Alameda ou en edificios representativos como a fachada de San Domingos de Bonaval, ou a da Casa da Conga.
Mercado de Nadal
Ese mesmo día, o venres 3, arranca o xa tradicional Mercado de Carreira do Conde ás 12.00 h. Durante as cinco quendas, composteláns e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 76 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño…).
As tres primeiras quendas (venres 3 a xoves 9, venres 10 a xoves 16 e máis venres 17 a xoves 23) estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación gourmet selecta, co obxectivo de facilitar ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas.
Nas dúas quendas finais (domingo 26 a xoves 30 e venres 31 a mércores 5), que se celebran en Carreira do Conde e en Área Central, expoñeranse produtos de artesanía e regalo orixinal.
O Mercado contará con decoración coidada e ambientación musical, e desenvolverase baixo as medidas de seguridade contra a Covid-19 precisas. Os expositores contarán con xel hidroalcólico, produtos hixienizantes e todas as medidas de manipulación de elementos precisas para evitar contaxios, e vixiarase a distancia de seguridade nos momentos de maior afluencia.
O Mercado de Nadal leva aparellada unha completa programación musical. As actividades estarán dirixidas á infancia, ás familias e ao público en xeral. A programación iniciarase o domingo 5 de decembro co artista Pulpiño Viascón. O mércores 8 actuarán Os Tiruleiros. O sábado 11 poderá desfrutarse do espectáculo de Cé Orquestra. O sábado seguinte, día 18, animará o Mercado o espectáculo de O Cego na Feira e o domingo 19 o grupo Vamosindo. Fará o propio, o sábado 26, o Trío Par e, finalmente, para o día 30 está programada a actuación de Troula Animación. Todas estas actividades desenvolveranse a partir das 19.00 h.
Autocine
Este Nadal tamén volve o autocine. Do 26 ao 30 de decembro poderemos vivir,un ano máis, a experiencia de gozar no interior do teu auto unha coidada selección de filmes para público familiar e adulto.
A entrada é gratuíta, previa reserva de entradas na web autocine.gal, dende o 21 de decembro de 2021.
Programación autocine Nadal 2021:
Público familiar: Los Croods 2, O Xinete do Dragón, Trolls 2, Padre no hay más que uno 2, Pinocchio.
Público adulto: Cando o mundo acabe, seguireite amando; Doentes; O noso último verán en Escocia; El Camino; e Un amor por descubir.
Mercado da Estrela
De novo, durante a fin de semana do 16 ao 19 de decembro, contaremos con outra cita xa habitual no Nadal compostelán, o Mercado da Estrela, un evento cultural multidisciplinario, que este ano chega ao seu décimo aniversario, no que as persoas creadoras de Galicia exhiben e venden o froito do seu talento para que as súas pezas se convertan en orixinais e innovadores agasallos con selo #talentogalego, mercado que se completa cun atractivo programa de concertos.
Desenvolverase en catro espazos de destacado valor histórico e patrimonial de Santiago de Compostela: Claustro procesional de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada); Hospedaría de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada); praza 8 de marzo; e pista cuberta nos xardíns do Centro Don Bosco.
Apego
O sábado 11, no Auditorio de Galicia, terá lugar unha das citas máis especiais do ano para as familias de Compostela. A xa tradicional Festa do Apego convértese desta volta en Festival, cun elenco de artistas recoñecidos polo público miúdo que conformarán un espectáculo inédito que amosa a riqueza das creacións en lingua galega para as crianzas.
O espectáculo, que é de balde e cunha duración aproximada dunha hora (desde as 17.30 h), requirirá de retirada de entrada na semana previa en compostelacultura.gal para a asistencia presencial, mais tamén poderá seguirse ao vivo nas canles de Youtube do Concello e do Departamento de Lingua Galega ou nalgúns espectáculos mediante inscrición a través do formulario dispoñible na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago delingua.santiagodecompostela.gal
Carrusel
Os pequechos e pequechas da casa tamén poderán desfrutar do Carrusel de cabaliños de 10 metros de diámetro que este ano estará ubicado na praza da Constitución. Estará pechado ao público os días 25 de decembro e 1 de xaneiro.
Ademais…
O Nadal sobre rodas: un precioso autobús inglés de dous pisos de Nadal sobre rodas percorrerá as diferentes rúas e prazas da cidade con divertidos obradoiros de cociña e actuacións musicais de balde para animar as xornadas de compras de Santiago de Compostela.
UNHA RÚA DE CONTO: O QUEBRANOCES EN ALFREDO BRAÑAS!: O Quebranoces aterra en Alfredo Brañas durante estas festas para ambientar e embelecer a rúa e facer soñar aos paseantes a través de entrañables sorpresas relacionadas coa lendaria composición.
Non faltarán o espectacular Belén de San Fiz de Solovio e unha carreira de San Silvestre tamén adaptada ás actuais circunstancias.
Centro socioculturais
Teremos tamén unha morea de obradoiros para todas as idades nos centros socioculturais, espectáculos e proxeccións en familia. Estas datas son especiais para as pequenas comunidades de veciñanza e barrios que forman a cidade e nos CSCs haberá un amplo abano de actividades de balde para facer máis inesquecibles estas festas.
Fin de Ano
Tamén este ano haberá festas de Fin de Ano amenizada pola Orquestra París de Noia, que actuará na praza do Obradoiro a partir das 22.30 horas. Segundo indicou o concelleiro, en función da evolución da pandemia e das instrucións ditadas pola autoridade sanitaria se permitirá un determinado aforo. O que si concretou é que non será preciso reservar.
Reis Magos
Estes Nadal haberá Cabalgata e recepción. Os nenos e nenas de Compostela terán a oportunidade de entregarlle persoalmente aos Reis Magos de Oriente as súas cartas nunha recepción que terá lugar tamén este ano na Igrexa de San Domingos de Bonaval. Este máxico encontro será o propio día 5 de 11.30 h a 13.30 h e de 19.30 h a 22.30 h.
Será preciso retira as entradas entradas.ataquilla.com desde o día 28 de decembro.
Este ano haberá cabalgata, que sairá ás 16.30 h da praza da Mercé de Conxo e percorrerá a avenida de Ferrol, Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, república do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Vilar, praza de Praterías, Fonseca e praza do Obraodiro. Na praza saudarán á Corporación e sairán ao balcón para saudar tamén os nenos e nenas, antes de partir novamente para San Domingos de Bonaval a recibir as cartas dos pequenos da casa.
COMO PARTICIPAR NA CABALGATA?
As nenas e nenos que queiran participar na cabalgata poderán facelo de dúas maneiras: como paxes e como acompañantes do séquito nas carrozas dos reis, a estrela e o carteiro real. Terán que facer a inscrición previa a través dun formulario que se habilitará na plataforma reservas.gal dende o día 1 de decembro ás 10 da mañá ata o día 20 de decembro de 2021.
1.- ACOMPAÑANTES DO SÉQUITO REAL NAS CARROZAS DA ESTRELA E DO CARTEIRO REAL
Os acompañantes do séquito real serán dezanove prazas.
Condicións: Destinado a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, que deberán ir na carroza acompañados por unha persoa adulta. As inscricións faranse xa por grupos. Os grupos non poderán estar formados por máis de 3 persoas e só poderá haber unha persona adulta por grupo.
O sorteo realizarase o día 22 de decembro. Mandarase unha mensaxe a través de correo electrónico a todas as persoas participantes anunciando o resultado do mesmo. Ademais, contactarase individualmente con todas as seleccionadas para dar as debidas indicacións tanto previas como para o propio día da Cabalgata.
2.- SORTEO DE PAXES QUE ACOMPAÑARÁN AOS REIS
Os Paxes dos Reis serán once.
Condicións: Os nenos e nenas aspirantes a Paxes Reais deberán ter idades comprendidas entre os 12 a 16 anos. Para a súa participación será preciso unha autorización asinada polo pai/nai ou titor legal. As inscricións serán individuais.
O sorteo realizarase o día 22 de decembro. Mandarase una mensaxe a través de correo electrónico a todas as persoas participantes anunciando o resultado do mesmo. Ademais, contactarase individualmente con todas as seleccionadas para dar as debidas indicacións tanto previas como para o propio día da Cabalgata.
Nos enlaces a esta nova pode consultarse un resumo do programa de Nadal, que se fará público completo na páxina web municipal nos vindeiros días.