Son Xove e Son Vermú: a música será protagonista do Nadal na praza Roxa
28/11/2023 Dinamizar o comercio, ofrecer alternativas de ocio á veciñanza, e poñer en valor o talento da mocidade de Compostela. Son os obxectivos das actividades de Nadal organizadas desde a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude. A concelleira, María Rozas, explicou que “o Ensanche estará todo o mes de decembro cheo de actividades novidosas, pensadas para todos os públicos, e centralizadas na Praza Roxa, que será un dos puntos neurálxicos das festas”. A tenenta de alcaldesa deu conta dos detalles desta programación nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola técnica do departamento de Comercio, Lucía Castro, e pola responsable de Mocidade, Noela Vilas.
Son Xove e Son Vermú
A música estará moi presente na Carpa Roxa con dúas iniciativas novidosas nas que colaboran os departamentos de Xuventude e Comercio e que se desenvolverán nas tardiñas dos venres e nos mediodías dos sábados.
A primeira delas é a denominada “Son Xove”, que estará protagonizada polas bandas que utilizan os locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga. María Rozas explicou que “con este programa procuramos un dobre obxectivo: contribuir á dinamización do Ensanche, e promocionar o talento mozo e local, do que temos que estar moi orgullosas”. A concelleira salientou que “para as bandas que forman parte do cartel é unha gran oportunidade poder tocar nun espazo como a Praza Roxa, onde se poderán dar a coñecer entre un público moi heteroxéneo”.
O “Son Xove” desenvolveráse todos os venres de decembro, con dúas actuacións en cada xornada, a primeira ás 20.00 e a segunda ás 21.00 horas. O programa arrancará o día 1, con dúas bandas que combinan o rock e o punk, Liskadakí e Killo Karallo. O 8 de decembro será o turno de Abella e Filloas; e o 15 tocarán Funky Kongs e Boa Sunet. Xa no 22 de decembro, será o turno de Las Sinsen e Ulex. Por último, para o 29 de decembro está prevista unha Jam de Nadal, que comezará ás 20.00 horas e na que participarán usuarios e usuarias dos locais de ensaio do Centro Xove.
En canto ao “Son Vermú”, é a proposta da concellaría de Promoción Económica e Comercio para dinamizar as mañás dos sábados de decembro no Ensanche, con música na Carpa Roxa desde ás 13.00 horas. Na primeira sesión, o 2 de decembro, poderemos escoitar a Espiño, o proxecto do coñecido músico compostelán Alfonso Espiño que, tal e como el explica, combina pop art, rock progresivo, folk e psiquedelia. Ao sábado seguinte, 9 de decembro, pola Carpa Roxa pasará Sheila Patricia, unha das voces que se teñen convertido en referencia en Galicia. O 16 de decembro o escenario da Praza Roxa será para a banda cubano-galega La Yuca Funk, e a pontevedresa Helena Egea, que vén de publicar o seu primeiro single, tomará o relevo o día 23. O “Son Vermú” pecharase o 30 de decembro coa actuación de Pauliña, outro nome xa consolidado do panorama musical galego, con tres albums publicados nos que mestura o folk, o rock e o blues.
Xogos, atraccións e outras actividades
Ademais das actuacións musicais, a Carpa Roxa acollerá outras actividades ao longo de todo o mes, desde baile tradicional a cantos de Nadal, pasando por obradoiros infantís ou unha sesión de contacontos en inglés para crianzas a partir de 3 anos, que se celebrará o 7 de decembro.
Doutra banda, de maneira complementaria á Carpa Roxa, na praza vanse ubicar pequenas atraccións para nenos e nenas, como unha mininoria a pedais, un pequeno tren, ou unha mininoria luminosa. As atraccións serán de balde, e iranse instalado de maneira progresiva desde o 6 de decembro ata o 7 de xaneiro. Os horarios de funcionamento serán de mañá e tarde do 6 ao 10 de decembro e do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, salvo os días 24 e 31 de decembro nos que funcionarán só pola mañá, e os días 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro nos que permanecerán pechados. Fora do período das vacacións de Nadal e da Ponte da Constitución, funcionarán só de tarde de luns a venres, e todo o día nos sábados e domingos.
Por último, na Carpa Roxa vaise instalar, na tarde do 23 de decembro, a ruleta da campaña #EuMercoAquí, que repartirá agasallos para a clientela do comercio local. Para participar só será preciso achegarse co ticket dalgunha compra realizada entre o 1 e o 23 de decembro no comercio local, por un importe mínimo de 5 euros.
Mercado de Nadal de Carreira do Conde
A concelleira de Promoción Económica e Comercio tamén deu máis detalles hoxe do Mercado de Nadal de Carreira do Conde, que se celebrará desde o 1 de decembro ata o 5 de xaneiro. María Rozas reiterou que “esta é unha iniciativa xa consolidada no Nadal de Compostela, que cada vez xera máis interese entre a clientela pero tamén entre artesáns, produtores e comerciantes”. Desta volta, no Mercado haberá 15 casetas, e establecéronse cinco quendas, unha por semana, para garantir a participación do maior número de persoas interesadas posible.
O Mercado de Nadal funcionará en horario de mañá e tarde, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas. Os días 24 e 31 de decembro abrirá só pola mañá, e o 25 de decembro e o 1 de xaneiro estará pechado.
O Mercado de Nadal contará cun espazo infantil no que se desenvolverán obradoiros e xogos para os nenos e nenas. Serán ás 18.00 horas os días de semana, e ás 12.00 e ás 18.00 os sábados e domingos. Nos talleres, os nenos e nenas aprenderán a facer grilandas, figuras de neve, caixiñas de agasallos, ou mesmo bolas de Nadal comestibles. As actividades serán tamén de balde.
O Mercado de Nadal de Carreira do Conde complementarase co mercado de Área Central, que se celebrará do 22 de decembro ao 5 de xaneiro. Entre as dúas localizacións participarán máis dun cento de empresas expositoras.