O Mercado de Nadal de Carreira do Conde abrirá o xoves 5 de decembro ás 12:00 horas

O Mercado de Nadal de Carreira do Conde abrirá o xoves 5 de decembro ás 12:00 horas

O Mercado de Nadal abrirase o vindeiro xoves, 5 de decembro, ás 12:00 horas, na rúa da Carreira do Conde. Permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas. O Mercado estará pechado os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro; e só abrirá pola mañá o día 31 de decembro.

Durante as cinco quendas, composteláns/ás e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 56 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño…). Para favorecer que o Mercado se converta nun espazo de ocio para a familia, esta oferta compleméntase cunha selección de food trucks de comida galega e internacional. A rúa e as casetas contarán cunha decoración coidada e ambientación musical, que transportarán o público á maxia do Nadal.

Como novidade nesta edición, as tres primeiras quendas (xoves 5 a martes 10, mércores 11 a martes 17 e mércores 18 a luns 23) estarán dedicadas en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación selecta, facilitando ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas especiais. As quendas finais (xoves 26 a luns 30 e martes 31 a domingo 5 de xaneiro) resérvanse para os produtos de artesanía e regalo orixinal, coa data da Noite de Reis como horizonte.

Actividades diarias
O Mercado de Nadal leva aparellada unha completa programación, ao inicio nas fins de semana e despois practicamente a diario. As actividades estarán dirixidas á infancia, ás familias e ao público en xeral. Haberá obradoiros de manualidades, xogos e contacontos nun espazo especialmente disposto ao efecto.

Durante os días de maior afluencia realizarase a actividade NadalCiclo, na que unha bicicleta decorada e conducida por actores caracterizados para o momento transportará a nenos e nenas pola Carreira do Conde coñecendo o Mercado. Ademais, a rúa acollerá actuacións musicais do grupo UCT Ultreia e dos coros Centro Xove, Brincadeira, Hermano Gómez, Ponte Mantible, Santa Susana, Coto da Nai, Agarimos, Colexiata de Sar, LaSalle, A Xuntanza, Xúbilo e Amigos de Compostela.

Comentarios pechados.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies